Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta convoca por 440.000 euros as axudas a asociacións protectoras e concellos para o coidado de animais domésticos abandonados


― Trátase da maior contía destinada a este fin desde que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda puxo en marcha o programa, no ano 2017

― Por primeira vez as 18 entidades galegas que xestionan ou son titulares dalgún centro de acollida debidamente rexistrado poderán acceder a axudas para a atención e coidado directo dos exemplares baixo a súa tutela así como para a compra de material

A Xunta de Galicia convocou hoxe, por un importe global de 440.000 euros, dúas novas ordes de axudas para sufragar diferentes tipos de actuacións encamiñadas a garantir a protección dos animais domésticos abandonados na Comunidade.

Trátase da maior contía destinada a este fin pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda desde a posta en marcha do programa, no ano 2017, tal e como subliñou esta mañá a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo, durante unha visita á Asociación protectora de animais domésticos abandonados do noroeste (Apadan).

Precisamente, explicou que unha das novidades da convocatoria publicada hoxe no DOG é que, por primeira vez, as axudas divídense en dúas ordes: unha delas dotada con 230.000 euros e dirixida a concellos, como administracións responsables da recollida e acollemento de animais abandonados e da xestión das colonias felinas; e a outra, cun orzamento de 210.000 euros, destinada a asociacións inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

A este último grupo pertence Apadan, que acolle e atende nas súas instalacións de Culleredo grazas ao labor realizado polos voluntarios a un total de 80 animais. Este ano, por primeira vez, este tipo de entidades poderán solicitar axudas para sufragar gastos como a esterilización cirúrxica dos exemplares que tutelan; a identificación dos mesmos mediante implantación de microchip, inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac) e expedición do pasaporte sanitario; a compra de alimento; e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas.

A maiores, as entidades protectoras debidamente rexistradas tamén terán a opción de solicitar fondos para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, así como para comprar material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para atender aos animais.

No caso da orde de axudas dirixida aos concellos, as actuacións subvencionables este ano serán aquelas relacionadas coa esterilización cirúrxica, a identificación, a alimentación e as medidas profilácticas dos animais de compañía que estean ao seu cargo.

Tanto entidades locais como protectoras poderán pedir que se lles subvencionen os gastos realizados entre o 1 de setembro de 2020 e o 31 de agosto deste ano. O prazo de presentación das solicitudes abrirase mañá e rematará o vindeiro 16 de setembro.

Un maior abano de gastos subvencionables
A directora xeral de Patrimonio Natural —que estivo acompañada durante a visita a Apadan polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor— incidiu en que as dúas ordes deste ano amplían de forma notable o abano de gastos subvencionables con respecto ás tres convocatorias anteriores, nas que, lembrou, as axudas ían dirixidas a cubrir unicamente os custos de esterilización e identificación dos animais.

Así, cómpre subliñar que das 89 entidades que figuran inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía, 18 son titulares ou xestionan a día de hoxe algunha das instalacións de recollida de animais que figuran no Rexistro galego de núcleos zoolóxicos, polo que poderán solicitar tanto as axudas para gastos de atención e coidado directo dos exemplares aloxados no seu centro (un concepto ao que na orde deste ano se reservan 170.000 euros) como para a adquisición de material para a xestión e manexo dos animais en acollida (cunha partida global de 20.000 euros).

Así mesmo, o total das 89 protectoras debidamente rexistradas en Galicia poderán optar aos 20.000 euros restantes, reservados para cubrir gastos relativos a campañas de sensibilización, tenza responsable e adopción.

Catro convocatorias por un total de 650.000 euros
A Lei de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia, que entrou en vigor en xaneiro de 2018, ten dous obxectivos principais: combater o maltrato en calquera das súas formas e promover o abandono cero na Comunidade a través do fomento das adopcións e da concienciación social sobre a tenza responsable de animais domésticos.

Neste sentido e para avanzar nesa mesma dirección, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén convocando axudas durante os últimos cinco anos destinadas a subvencionar gastos de atención e coidado dos animais de compañía.

Así, desde 2017 mobilizouse con este fin un orzamento global de 650.000 euros co seguinte reparto: 300.000 euros a través da primeira convocatoria; 100.000 euros na de 2018; e a mesma contía, 125.000 euros por anualidade, nos dous últimos exercicios.